O Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia é o organizador do VIII Torneo Internacional de Minibásquet 2008, unha cita deportiva que se celebrará os días 15 e 16 de marzo, co patrocinio de Caixanova.
A cita foi presentada na mañá do pasado martes 13 de marzo no Centro Cultural Caixanova, arroupada polo Director de Publicidade da entidade patrocinadora, Jorge Santos; o Presidente do club anfitrión, Jesús Outeiral; a súa Vicepresidenta, Mar Lago; o Director Deportivo do Seis do Nadal, Sergio González; e Aalí Mohamed, Presidente de Honra do Club.
Os poñentes, nas súas alocucións, manifestaron o impulso que torneos como o organizado polo noso club, supoñen como apoio fundamental ao deporte base. Nesta liña, Jorge Santos manifestaba o seu “público recoñecemento á labor do Club Baloncesto Seis do Nadal -Coia, polo seu número de licencias e pola promoción que fai do baloncesto”. Pola súa parte, Jesús Outeiral, agradeceu o apoio de institucións como Caixanova, “que valoran e estiman o deporte dos máis pequenos”.
Cunha traxectoria de sete anos, a experiencia é unha das grandes bazas adquiridas ao longo deste tempo. Desde que o torneo internacional comezou a rodar no ano 2001 cunha decena de equipos participantes, a metade en categoría masculina e a outra en feminina, o índice de participación foi subindo paulatinamente, coa prudencia necesaria para ir configurando un evento deportivo nas sempre delicadas categorías inferiores.
Nesta nova edición do torneo que se celebrará nesta fin de semana do 15 e 16 de marzo, doce serán os equipos que se enfrontarán nas canchas do Pavillón Municipal de Coia, no propio Colexio Seis do Nadal e no Colexio Eijo Garay. Os clubs convocados para esta fin de semana son, en categoría feminina, os equipos "A" e "B" do Seis do Nadal, Canteiras de Porriño, Maristas Celta de Vigo, Club Baloncesto Arxil de Pontevedra e G.D. Gafanha de Portugal. En categoría masculina estarán representados os clubs Marín Peixe Galego, Canteiras de Porriño, os portugueses do G.D. Gafanha e Juventude Pacense, e os equipos "A" e "B" do anfitrión Seis do Nadal.
O volume de participación alcanza máis de 150 xogadores e xogadoras, con 22 encontros que se disputarán na súa totalidade entre as dúas xornadas de sábado e domingo. A organización acompaña o Torneo Internacional coa celebración de actos paralelos que activan a dinámica do encontro en Coia, con competicións nas que se pon a proba a destreza dos xogadores, con eliminatorias de tiro libre, comidas de convivencia e un enriquecedor programa de acollida, onde as deportistas e os xogadores portugueses residen nos fogares e casas dos propios xogadores e xogadoras do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario